Skip to main contentSkip to footer

Exposición “Vistas a la avenida (baixo a pedra)”

O Pazo de Mos acolle a exposición do colectivo artístico Calle Modelo 29, unha proposta que reúne o traballo de cinco creadoras procedentes de diferentes territorios, configurando un espazo común de encontro, expresión e diálogo a través da arte contemporánea.

A mostra, que poderá visitarse do 24 de abril ao 29 de maio, presenta as obras de:

  • Clara Herrero (Valladolid)

  • Paula Lorenzo (Mos, Galicia)

  • Ruth Jiménez (Soria)

  • Alicia Ingelmo (Guijuelo, Salamanca)

  • Ruth Cuadrado (Salamanca)

Baixo o título “Vistas a la avenida (baixo a pedra)”, a exposición propón unha mirada sobre o cotián a través da observación dos elementos que conforman o noso entorno, tanto urbano como natural: os xestos mínimos, os espazos habitados, os vínculos e os desprazamentos diarios. Aquilo que adoita pasar desapercibido revélase aquí como esencial.

Lonxe dun percorrido expositivo convencional, a proposta estrutúrase como un conxunto de “ventás” que guían ao espectador por imaxes que transitan do recoñecible ao abstracto e esquemático, configurando unha especie de collage da experiencia no territorio. A través de linguaxes diversas —desde a cerámica ata as artes gráficas, incluíndo risografía, gravado e debuxo— constrúen un relato compartido no que se entrelazan miradas persoais e procesos creativos.

A súa presenza no Pazo de Mos reforza o papel deste espazo como lugar de encontro cultural aberto, onde a creación dialoga co patrimonio e coa vida cotiá da comunidade.

Unha oportunidade para achegarse á arte actual dende unha perspectiva próxima, sensible e conectada co territorio.