Skip to main contentSkip to footer

Festa da Rosa | Fase atlántica do concurso “50 Panader@s TOP de España 2026”

O vindeiro 6 de xuño de 2026, o Pazo de Mos converterase no punto de encontro da mellor panadaría artesanal do noroeste peninsular coa celebración da fase correspondente á Zona Atlántica do certame 50 Panader@s TOP de España 2026, unha iniciativa promovida por Panatics e Pan de Calidad para recoñecer a excelencia profesional do sector.

A convocatoria reunirá en Mos a panadeiros e pasteleiros procedentes de Galicia, Asturias e Cantabria entre outros, que presentarán as súas elaboracións ante o xurado do concurso nunha das oito seleccións territoriais que se celebran en toda España.

Un referente da panadaría artesanal española

O certame está considerado como unha das maiores convocatorias do sector panadeiro a nivel estatal pola súa ampla participación e pola súa capacidade para visibilizar o traballo dos profesionais que manteñen viva a tradición do pan de calidade, a innovación e o oficio artesán.

A recepción das pezas participantes terá lugar entre as 10.30h. e as 12.00 h. no recinto do Pazo de Mos, onde se desenvolverá esta xornada profesional que permitirá situar ao municipio no mapa da excelencia gastronómica española.

Mos, patrimonio e gastronomía

A elección de Mos como sede da fase atlántica reforza a aposta do Concello e da Fundación Pazo de Mos pola promoción do patrimonio cultural, a gastronomía e os oficios tradicionais como elementos de desenvolvemento territorial e dinamización turística. A Fundación leva anos traballando na posta en valor do patrimonio histórico e cultural local mediante actividades que combinan cultura, turismo e participación cidadá.

Esta cita supón tamén unha oportunidade para proxectar a imaxe do municipio ante profesionais chegados de diferentes territorios e para poñer en valor a importancia do pan como produto identitario da cultura alimentaria atlántica, e galega.

Datos da convocatoria

Recepción de pans: de 10:30 a 12:00 horas
Zona Atlántica: Galicia, Asturias e Cantabria

Inscripción: 50€ ( Iva Incluido) Os beneficios desta ruta irán destinados á Obra Social Ernest Verdaguer de Panàtics para axudar a comedores sociais.

Os profesionais interesados poden consultar as bases e formalizar a súa inscrición a través da páxina oficial do concurso:

https://www.50panaderostop.com  

Un evento que conecta tradición, innovación e territorio

O pan é moito máis que un alimento. É cultura, memoria, identidade e patrimonio vivo. A celebración desta fase clasificatoria en Mos converte ao Pazo nun escaparate da excelencia artesá e nun espazo de encontro para profesionais que representan o presente e o futuro da panadaría española.

Desde a Fundación Pazo de Mos convidamos á veciñanza e aos amantes da gastronomía a seguir de preto esta xornada que sitúa ao noso territorio como referente dun sector que combina tradición, coñecemento e innovación.