Skip to main contentSkip to footer

TRAD | Cristo, codillo e cogomelos

Cando chega o outono, en Mos o calendario non o marcan as follas que caen, senón as persoas que se xuntan. Volven as verbenas baixo a carpa e o recendo das castañas no magosto.

Ningunha destas citas ten un único dono. Organízanas a comisión de festas, o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia e a Comunidade de Montes. A Fundación Pazo de Mos acompáñaas cedendo espazos, coordinando actividades e implicándose na súa organización e as Administracións Local, Provincial e Autonómica apoiando coas políticas culturais estes proxectos.

Festas do Cristo da Esperanza: catro días de verbena e devoción 
Do 9 ao 12 de outubro

Catro días con verbenas cada noite, misa e procesión, vermú con música e un tardeo para despedir a festa. O recinto está cuberto por unha gran carpa, e sábado e domingo haberá pulpeiro.

O domingo ten un acento moi de Mos: a coral do Círculo Cultural Santa Eulalia ofrece unha cantada e a Banda de Música Xuvenil de Torroso dá un concerto. Son as entidades da parroquia e da contorna arroupando a súa festa como moitas outras no programa.

Festa do Codillo: 26 edicións de identidade mosense
Do 17 e 18 de outubro

Hai festas que se converten en sinal de identidade dun lugar. A Festa do Codillo é unha delas.

O Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos chega á súa 26ª edición. Desde a primeira, a festa axudou a devolverlle vida á parroquia.

O sábado ao caer a tarde cun magosto popular Concurso de Serra de Troncos con tronzador de man e banda viguesa de rock español dos 80 e 90, para seguir o domingo, día grande co Mercado de Artesanía e a esperada degustación do codillo ao ritmo da Charanga Noroeste.

Xornadas Forestais e Micolóxicas: coñecer o monte para coidalo
Do 2 e 8 de novembro

O outono remata no lugar onde comezou: no monte coas Xornadas Forestais e Micolóxicas para achegar á cidadanía o valor dos nosos bosques.

As xornadas combinan charlas divulgativas no Pazo de Mos, unha saída didáctica de identificación, mostras e degustacións.

A súa proposta vai máis alá da gastronomía. A festa aplica criterios de turismo sostible: reciclaxe, reutilización de materiais, puntos de auga gratuítos e sensibilización ambiental. A escola de micoloxía leva tamén ese coñecemento ás aulas, con actividades escolares sobre a ecoloxía do solo.

Un outono que fala a linguaxe do monte e un pazo galego relacionándose durante séculos coa vida do territorio arredor da terra, do monte e do traballo agrario.

A Fundación non programa en solitario. A súa tarefa é ser casa común: abrir espazos, coordinar calendarios e sumar esforzos para que cada iniciativa veciñal chegue máis lonxe.

Mos agárdate este outono