Exposición de pintura e Belén Solidario
Durante o Nadal, o Pazo de Mos convértese nun espazo de encontro cultural e solidario coa celebración da exposición de pintura de David Pérez Rego e a instalación do tradicional Belén Solidario do Pazo de Mos.
Este ano cúmprese a undécima edición do Belén, froito do traballo continuado da agrupación veciñal Armouse o Belén, que ao longo de todo o ano prepara esta montaxe cun marcado carácter social. Trátase dun proxecto solidario que convida á colaboración coa achega de produtos propios do Nadal (turróns, galletas, froita en conserva…) ou alimentos de uso habitual como leite, cacao, legumes ou conservas, destinados a apoiar familias en situación de vulnerabilidade.
Pola súa banda, a exposición de pintura ofrece unha proposta artística contemporánea que dialoga co espazo patrimonial do Pazo, ampliando a oferta cultural destas datas e reforzando o valor do Nadal como tempo de cultura, reflexión e compromiso colectivo.
O acceso ás dúas exposicións realízase pola entrada principal do Pazo, agás en días de chuvia, nos que se fará pola entrada da cafetería. Ambas están situadas en salas anexas.
Horario e visitas
O Belén pode visitarse de luns a domingo de 17.00 a 20.00 h, e os sábados e domingos tamén pola mañá, de 10.00 a 13.30 h. Permanecerá pechado o 25 de decembro pola tarde e o 1 de xaneiro todo o día.
Para visitas de grupo, recoméndase reserva previa en inscricions@pazodemos.org