Parladoiros con Javier Pitillas: inclusión, camiño e vida compartida
O vindeiro luns 1 de decembro, ás 19:30 h, a Fundación Pazo de Mos acolle unha nova sesión dos Parladoiros, o ciclo que pon no centro as historias de vida e os proxectos que transforman o noso contorno a través da palabra.
Nesta edición, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, contaremos coa presenza de Javier Pitillas, fundador de DisCamino e referente nacional na inclusión de persoas con discapacidade a través do deporte adaptado. Policía Local xubilado e impulsor incansable, Pitillas compartirá co público a súa traxectoria vital e os desafíos dun proxecto que percorre o Camiño de Santiago sobre rodas, con triciclos-tándem que unen esforzo, amizade e superación.
A conversa será conducida por Montserrat Martínez Muíños e acompañada pola música en directo de Ana Belén Rodríguez, nun encontro íntimo e cargado de emoción, e o Mago Marco nun ambiente máxico para comezar decembro.
Esta sesión será tamén unha ocasión para lembrar a figura de Gerardo Fernández Costa, compañeiro inseparable de Pitillas e alma de DisCamino, recentemente falecido. A súa lembranza estará moi presente neste acto que é, ao tempo, celebración, homenaxe e compromiso.