Skip to main contentSkip to footer

TRAD | Erradicación de acacias no Monte de Mos

O próximo sábado, 11 de xullo, de 10.00 a 12.30 horas, celebraremos unha nova xornada de participación ambiental no Parque Forestal Os Baños, centrada na eliminación de rebrotes de acacia, unha das especies invasoras con maior capacidade de expansión nos nosos montes.

Esta actividade dá continuidade aos traballos realizados nos últimos anos pola Comunidade de Montes de Mos. Na zona do merendeiro dos Baños levouse a cabo a corta de piñeiros afectados pola enfermidade coñecida como banda vermella, procedéndose posteriormente á eliminación mecánica de acacias mediante escavadora e ao acondicionamento do terreo para facilitar futuros labores de mantemento e mecanización.

Tras estas actuacións realizouse a plantación de novos piñeiros, que actualmente medran nun espazo máis ordenado e adecuado para o seu desenvolvemento. Porén, como é habitual neste tipo de especies invasoras, continúan aparecendo pequenos rebrotes de acacia que cómpre retirar antes de que volvan consolidarse.

Nesta ocasión o traballo será sinxelo e apto para a maioría das persoas participantes. Os rebrotes son aínda pequenos e poden extraerse manualmente con facilidade. A organización facilitará luvas e indicará en cada momento o procedemento máis adecuado para realizar a actividade de forma segura e eficaz.

Ademais de contribuír á mellora ambiental do monte, a xornada pretende ser tamén un espazo de convivencia e participación veciñal. Ao remate compartiremos un pequeno petisco para recuperar forzas e, como dicimos por aquí, tomaremos unha fecha, acompañada de empanada, viño e algo máis.

Para poder organizar adecuadamente a actividade e prever a participación, agradecemos que as persoas interesadas formalicen previamente a súa inscrición.

Inscricións:
https://forms.gle/2J3eBjC5B5tfcTBo9

Agardámosvos para participar nunha acción sinxela pero importante para a conservación do medio natural e a recuperación das especies forestais propias do noso monte.